BERTA DÁVILA (Santiago de Compostela, 1987)
MALDITA POETA…
Maldita poeta que me está buscando
maldita poeta que busca palabras para ter unha túa aperta.
Invertín seis cigarros e nin unha soa bágoa
para escribir a ti todo este verbo desmaiado.
APAGO…
Apago o último cigarro contra o ceo
o ceo que non é ceo, só unha parede húmida polos días e as luces deste inverno,
apago o último cigarro contra os muros e quítolle ao teu peito estes versos finais.
Os estanqueiros deberían ter ás e ningún poeta merece a morte,
Eu xa non son poeta.
PARTEN…
Parten dez barcos de papel da túa boca
e déixasme morrer (viaxo no sétimo),
afógasme.
Son delicada, translúcida e fráxil,
mudo fermosa só porque podo romperme.
E non afunden
E non me rompo,
non me rompo nunca,
aínda que non me queiras.
(Do libro Corpo baleiro, editado por Espiral Maior. 2007)