O sábado pasado, día 4 de maio, inaugurouse a exposición do prestixioso pintor Xulio García Rivasna Sala de Exposicións “Antón Rivas Briones” en Vilagarcía de Arousa, que leva por título “Pintura sobrepapel”.
O evento tiña a categoría dunha grande exposición. Xulio García Rivasé un dos máis importantes artistas plásticos desta nosa terra. E Xulio presentaba unha colección de acrílicos, acuarelas e tinta chinesa sobre papel. Unha mostra extraordinaria de abstracción coa natureza, as paisaxes e os xardíns como protagonistas. Un traballo de primeira calidade, algo ao que nos ten acostumados o artista nacido en Borraxeiros-Agolada. A súa traxectoria, a súa evolución, o seu manexo do pincel son algo fantástico. Un verdadeiro mestre. A persoa e mais o artista mestúranse de tal xeito, que a obra resulta dunha autenticidade indiscutible. De aí, sae unha obra luminosa, xenerosa, aberta ás distintas canles das tantas necesidades vitais e artísticas que o pintor leva dentro. Xulio García Rivasé un ser excepcional como persoa e como artista. Por iso é o creador dunha obra que nunca deixa frío o espectador. Digo máis, os ollos de quen observa calquera das súas pinturas transforman unha visión normal dos seus cadros nunha comuñón estética da que este espectador e a súa ollada rematan formando parte.
![]() |
Do catálogo |
Unha exposición que hai que ver e gozar. Unha exposición moi ben montada nunha magnífica Sala, que dá máis vida á obra de Xulio, porque nos permite ver uns papeis maxistrais en toda a súa expresión de cor e formas.
Canto gocei o pasado sábado no medio da obra en papel de Xulio García Rivas!
Con que gusto Alicia, sempre Alicia, e Xulio concibiron a mostra! Cada cadro semella pintado para estar no lugar que está. Unha marabilla pictórica que ninguén debería perder.
Para o catálogo da exposición, algunhas persoas escribimos un texto. Xosé María Álvarez Cáccamo, Salvador Corroto Tudela (Atlántica Centro de Arte), Miguel Anxo Fernán Vello, Rafael Pérez Rego e quen isto escribe.
Os tres poetas que alí estabamos lemos un texto.
Álvarez Cáccamo leu un poema escrito a partir dun cadro de Xulio que ten na súa casa. O poema titúlase “Páxina do instante da morte en luz”.
![]() |
Álvarez Cáccamo, en plena lectura. |
Escribo fronte ao mar da treboada.
Leo a páxina densa do discurso da luz.
As árbores da chuvia. O leite esparexido da galerna.
Un estouro de fume sen calor
no alto das fonduras contra o sul.
A labranza do vento afinca golpes de materia,
unha escrita de láminas cubertas, sucesivas.
Desvélase unha porta no muro da galerna
e pasa un río branco vexetal
de razón interior.
Eixo en rumbo ancorado
no mar da morte en luz.
Fernán Vello, tamén do catálogo, escribiu un poema longo que leu na inauguración. Un poema nacido diante da obra de Xulio García Rivas. Leva por nome “Nacemento da pintura”. Leamos un fragmento do mesmo:
![]() |
Intervención de Fernán Vello |
(…) A pintura é un espasmo na entraña do desexo,
a brancura da chama na exhalación do abismo,
e a claridade entra como un tremor no sangue,
o xemido inmediato da ausencia que se invade
de sede e queimadura, o verde que arborece
nas grafías do asombro, un corazón lunar
que medra na paisaxe, cifra muda do mundo
na arte da soidade, no seu fulgor secreto.
na vibración profunda entre espazo e baleiro,
na natureza viva que transfigura o clima.
E hai un ser que se eleva no verso que estremece
a forma e o sentido, entre espectro e substancia
o volume dun soño, devoración da noite,
o pálpito da terra apreixando o destino (…)
E quen isto escribe,que quere e admira a Xulio profundamente, escribiu para o catálogo un texto poético demasiado extenso para ler na inauguración.
Así que non lle quedou máis remedio que escribir expresamente un poema para o acto.
O silencio das delicias
(A Xulio e a Alicia, amigos de cores)
Pinceladas en silencio
que semellan desordenadas
mais non é certo.
Delicias delimitando o corpo
das andoriñas que voan entre manchas polícromas
Esas mesmas que descobren
o laranxa do lume
o verde abstracción
o gris acalado
o negro enigmático
o amarelo das paisaxes
que amosan as mesturas dunha vida entre liñas
o ocre cuspido pola terra
para facer patente a súa rabia.
Complexidades afastadas do vello labirinto
fan do papel un espazo azul mollado que recende a sal e a algas.
Cor que abre o ceo
e descansa na brisa da paleta.
Está a materia derramada a caer
polo vértice dos ángulos invisibles.
Renacen as mesturas cromáticas
e fanlle cóxegas a un sol que palidece coitado.
Tras ler as palabras do *Poeta que chama ao pincel, esvelto albanel da Pintura, o pintor quixera escribir unha estrofa que acariñase ese pincel con dozura. Como fai el. E fica engaiolado gozando duns versos que canta o *Poeta a esa ferramenta tan querida:
… caricia que el color colora,
fino estilete en el operar fino,
escoba barredera del camino
que te ensancha, te oprime y te aminora.
É que non o dixen antes. O pintor é o poeta das mesturas, das cores, dos trazos que fan esvaecer os lindeiros da pintura.
Estou cego, porque os meus ollos
viven, Xulio, nos teus cadros.
Ti, que reinventas as sombras,
as claridades
as perspectivas das nubes
Estou cego, si, porque os meus ollos
navegan na brisa dos mares que inventas
e porque están cegados polos teus crepúsculos de luz.
Estou cego, si, pero albisco, ben preto, os aloumiños de cores na calma.
Estou cego, si, pero non baixo do carro de lume
que me leva á chuvia,
ao sol
ás montañas
ao vento…
e sinto no meu interior
a alba da túa arte que nace acotío
no aire saudable dos teus trazos.
No eterno silencio das delicias.
(*O Poeta é Rafael Alberti e os versos son do seu marabilloso libro “A la pintura”.)
Pero na exposición houbo un punto negro que un non pode menos que levarse as mans á cabeza. Ninguén dos organizadores enviou unha nota de prensa de tan importante evento. Por ese motivo, o acto non saíu nos xornais locais. Incrible.
E pobre, moi pobre resultou a intervención do concelleiro de Cultura. Lamentable en todos os aspectos.
Tiña moi ocupada a axenda o alcalde para abrir a exposición?
Pero quen pensan que é Xulio García Rivas? Canta incompetencia!
País este de recortes inauditos, que se notan de maneira vergoñosa na educación e na cultura. Así nos vai. Todo vai depender de voluntarismos e esforzos dos cidadáns. Esta xente deixa que morra o futuro antes de que chegue. Que noxo sinto cando me planteo estes temas! Estamos moi orfos e seguiremos orfos. Estas cousas non dan votos. A cultura está, cada volta, máis empobrecida. En que mans estamos!
O que nos agarda, miña nai!
![]() |
Edificio onde está a Sala de Exposicións "Antón Rivas Briones". |
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO